XX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015

familia.jpg

Memoria NGTSI 2015 20.4 Mb

Galería de Fotos

O Gran Hotel da Toxa acolleu o venres 25 de setembro a XX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015, punto de encontro para os profesionais das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e a Sociedade da Información, dedicada, nesta edición a un mundo conectado. A cita estivo presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Tamén acudiron o vicealmirante e subdirector xeral de Ensino Militar, Andrés Breijo; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; e unha completa e diversa representación das empresas máis importantes do sector das novas tecnoloxías do noso país.

noite1.jpg

Este ano, a gala organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, estivo dedicada a Un mundo conectado. Como sinalou Bermúdez de Castro, “na actualidade, menos do 1% das cousas están conectadas á Rede, pero esa cifra medrará a un ritmo do 60% anual nos vindeiros anos”. Así, engadiu, en 2020 haberá 4.500 millóns de internautas e o número de conexións será de 50.000 millóns. “Perante estes cambios xa inminentes”, proseguiu o decano, “temos por diante un reto marabilloso: crear a infraestrutura tecnolóxica que soporte esta avalancha, desafío que require un gran esforzo humano e económico, e os enxeñeiros de Telecomunicación estamos preparados para asumilo e superalo, pero non podemos facelo sós, necesitamos a axuda das empresas e das Administracións”.

A gala foi presentada pola galega Silvia Jato, e contou con varias actuacións en directo do Grupo DGT. Deu comezo ás dez menos cuarto da noite, coa proxección dun vídeo sobre Un mundo conectado.

Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015

PGTSI_2015.jpg

Durante a gala, o COETG tamén fixo entrega dos seus xa tradicionais Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información2015. Nesta ocasión, os sete gañadores foron:

· Premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC a CO2 Smart Tech, S.A., pola súa contribución á creación de emprego, a súa expansión internacional e a consolidación do seu volume de negocio en amplos mercados.

Premio GGC.jpg

· Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2015 a Alberto Rico Alvariño polo seu traballo Técnicas cognitivas e de procesado do sinal para unha mellor explotación do espectro en comunicacións sen fíos.

Premio Gradiant.jpg

· Premio Ineo ao produto ou servizo TEIC orientado ao Internet das Cousas 2015 a Consultores Tecnológicos Industriales de Galicia, S.L. polo proxecto Open Framework i3. V4.0, un sistema aberto para a extensión da automatización de procesos a partes do sistema produtivo industrial no que aínda non estaban implantados.

Premio Ineo.jpg

· Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2015 outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, en colaboración coa axencia AMTEGA, as Aulas Interactivas para a estimulación cognitiva de alumnos coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual de Down Galicia. O galardón recoñece o carácter innovador da idea, a súa viabilidade e aplicabilidade pragmática e a súa contribución ao acceso destas persoas ás TIC e a inclusión dixital.

Premio Amtega.jpg

· Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións a RETEGAL, polo seu esforzo e adicación en pechar a fenda dixital na nosa comunidade.

Premio Acuntia.jpg

· Premio Socio de Honra 2015 a Asociación PuntoGal pola súa achega á visibilidade, na Rede, da lingua, a cultura e a identidade de Galicia.

socio honra.jpg

· E o Premio Enxeñeiro do Ano 2015 a José María Pousada pola súa contribución á difusión das Tecnoloxías da Información e a Comunicación en Galicia.

ingeniero.jpg

Tras a entrega dos galardóns, o enxeñeiro do ano, José María Pousada, pronunciou unhas palabras en nome de todos os premiados, nas que asegurou sentirse “profundamente afortunado de ser enxeñeiro de Telecomunicación”. Tamén confesou que “o recoñecemento que hoxe se me outorgou, levoume a facer unha revisión dos meus logros profesionais, e o que descubrín é que o pouco ou moito que conseguín débollo á xente que estivo ao meu lado”.

Finalmente, o encargado de despedir a XX Noite Galega das Telecomunicacións foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que pronunciou o discurso de clausura.

En agradecemento aos nosos patrocinadores:

Cartel XXNGTSI_2015_logos.preview.jpg