XXIV Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2019

premiados_patroc_decano web rec.jpg

Galería Fotográfica

Dossier de Prensa

Arredor de 300 persoas asistiron o pasado 24 de maio en Oleiros á XXIV Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, acto anual por excelencia do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia que este ano acadou a edición número 24 e serviu unha vez máis para poñer en valor o papel dos enxeñeiros de telecomunicación como axentes dinamizadores do progreso social.

Durante a XXIV Noite Galega das Telecomunicacións, o decano/presidente do COETG/AETG, Julio Sánchez Agrelo, demandou que se “flexibilicen” os criterios que regulan a colexiación e o exercicio da profesión: “un dos nosos obxectivos é incrementar o número de colexiadas e colexiados, é necesario gañar masa crítica”, apostilou. Amais do dito, Julio Sánchez Agrelo reivindicou “o papel exercido polos enxeñeiros e enxeñeiras de Telecomunicación na evolución TIC experimentada nos últimos anos”. E dixo: “Sen a nosa achega, non se podería falar de 4.400 millóns de persoas conectadas, a través de 25.000 millóns de dispositivos a esa gran rede de redes que é Internet”.

Segundo asegurou Sánchez Agrelo, “contribuír ao posicionamento dos enxeñeiros de telecomunicación no eido da transformación dixital” é un obxectivo irrenunciable para as entidades que preside. “É preciso tentar que se asocie ao noso colectivo non só ás áreas tradicionais, senón tamén destacar todo o noso coñecemento arredor do mundo do dato, do mundo das TIC”, indicou. Xunto a isto, salientou outro dos retos propostos “achegar a nosa profesión ao cidadán”. Neste sentido, reflexionou sobre o feito de que parte da sociedade descoñece que para “realizar unha chamada telefónica por móbil, acceder a Internet, enviar emails, ver cinema nunha plataforma de TV, escoitar a radio, dirixir un dron ou conducir unha ruta con GPS” é posible grazas ao labor dos enxeñeiros de telecomunicación.

decano web.jpg

Premios Galicia da Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2019
A Noite Galega das Telecomunicacións, na que participou a directora da AMTEGA, Mar Pereira, foi tamén o marco elixido como xa é costume, para a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2019. Unha convocatoria de premios que distingue o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e empresas.

O Premio Axians 2019 á Empresa Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación recoñeceu o labor de Nueva Pescanova, “pola utilización das TIC na transformación do grupo para seguir sendo un referente a nivel mundial na captura, cultivo, produción e comercialización de produtos do mar en 80 países”.

premiados_decano_amtega web rec.jpg

O premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado pola Amtega, recaeu este ano no proxecto Aperta. Trátase dunha aplicación desenvolvida por un grupo de estudantes da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo cuxo obxectivo é axudar a combater o bullying nos centros educativos. A idea naceu na propia Universidade de Vigo e na Asociación TEAVi, unha organización que inicialmente naceu para ofrecer apoio e resposta ás necesidades das persoas con trastornos do espectro autista de Vigo e que tenta mellorar a súa integración no ámbito social, escolar ou laboral.

O Premio Socio de Honra 2019, que recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que destaquen pola súa promoción das telecomunicacións na nosa Comunidade Autónoma, distinguiu o labor do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG). As xuntas directivas do COETG e a da AETG valoraron como razóns determinantes da concesión deste premio “a contribución de CTAG ao desenvolvemento das TIC e a súa implicación no sector, a través dos proxectos de vangarda que desenvolve como é o caso do proxecto do vehículo autónomo”.

enxeñeiro ano web.jpg

O Premio Enxeñeiro do Ano 2019 recoñeceu a traxectoria de Rafael Moya Fernández un enxeñeiro de telecomunicación cunha dilatada e fecunda traxectoria profesional en Galicia. Moya leva máis de 23 anos vinculado a Telefónica e actualmente é o Director de Operacións da Zona Norte desta compañía. No seu discurso de agradecemento, Moya reivindicou a figura do enxeñeiro de telecomunicación “para axudar a transformar e mellorar a calidade de vida das persoas” e puxo como exemplo a súa propia traxectoria profesional durante a cal colaborou coa sociedade en momentos complicados para Galicia “como a catástrofe do Prestige, os incedios de 2006 e 2017 ou o accidente do Alvia”. “Fomos moitos nestes acontecementos os que arrimamos o ombro para coordinar unha resposta conxunta e eficaz”, engadiu.

A directora da Amtega, Mar Pereira, foi a encargada de clausurar o acto cun discurso centrado principalmente nos plans previstos para o desenvolvemento da tecnoloxía 5G en Galicia.

directora amtega web.jpg