Novas sectoriais

A Xunta e Telefónica porán en marcha en 2018 “Galicia Open Future: edición retos Industria 4.0”, un programa de apoio ao emprendemento no que os participantes deberán propoñer solucións a seis retos no ámbito da Industria 4.0, formulados por empresas tractoras. O Consello do Goberno galego autorizou hoxe a sinatura do convenio entre a Administración autonómica e o operador, que contará cun investimento total de preto dun millón de euros ata 2019, dos cales a Xunta achegará 570.000 euros e Telefónica 425.000 euros.

Fonte: amtega.xunta.gal

O número de empresas do sector TIC de Galicia acadou a cifra de 2.437, fronte ás 2.331 do ano anterior, o que representa un crecemento do 4,5% e mantén a Galicia como a quinta Comunidade Autónoma con maior número de empresas tecnolóxicas. O sector TIC galego deu emprego a 16.098 traballadores en 2016, o que supón un incremento do 2,6% no último ano.

Fonte: amtega.xunta.gal

Había varias comunidades interesadas en liderar a innovación en materia de ciberseguridade da man dun xigante como Telefónica. Pero é en Galicia, onde está Gradiant, onde estará o maior centro de investigación de España especializado en TIC (tecnoloxías da información e da comunicación).

Fonte: lavozdegalicia.es

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, reiterou esta mañá a aposta da Xunta pola innovación como piar fundamental dun cambio de modelo produtivo cara unha economía baseada no coñecemento e o talento.

Fonte: gain.xunta.gal

O decano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Xullo Sánchez Agrelo, compartiu onte cos alumnos do colexio maior A Estila a súa visión do futuro dixital,  e fixo fincapé en que ese futuro pasa pola introdución e xestión de sistemas baseados en Intelixencia Artificial e o aproveitamento de técnicas de análises de Big Data.

Fonte: elcorreogallego.es

A Consellería de Educación participa, cun orzamento de 133.800 euros, no proxecto europeo 'Xestión afectiva e aprendizaxe a través de átomos intelixentes e interaccións intelixentes' (Managing Affective-learning Through Intelligence Atoms and Smart Interaction-MaTHiSiS).

Fonte: ecodiario.eleconomista.es

O Centro Tecnolóxico Gradiant e a multinacional Everis (coa Fundación Ramón Domínguez como entidade subcontratada) presentaron hoxe os resultados da unidade mixta de investigación posta en marcha por estas entidades en 2014, unidade de colaboración que deu como resultado o centro compostelán eJKC (eHealth Joint Knowledge Centre) e diversas ferramentas (OnCare, OnTime, Saludei) tecnolóxicas pioneiras de gran potencial para a personalización e para mellorar a calidade de vida de determinados doentes e o día a día dos facultativos e o persoal que os atende. Na presentación dos resultados celebrada hoxe, na que participou a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, lembrouse que o investimento do proxecto foi de 2 millóns de euros, que ao seu abeiro creáronse 43 empregos de calidade e que obxectivo da unidade mixta materializada no centro eJKC foi “fomentar a innovación sanitaria e xerar solucións concretas baseadas nas TIC para o ámbito galego da eSaúde”.

Fonte: codigocero.com

O premio ao Mellor Científico de Datos de España, edición 2017, vén de ir dar a mans galegas. Máis polo miúdo, foi dar a Antonio Vidal, enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo e arestora responsábel de Ciencia de Datos na empresa SIVSA, da que temos falado en Código Cero para salientar as vantaxes e características pioneiras das plataformas Fenix (para facilitar o día a día de clínicas e centros médicos) e Geenie (para axilizar nos organismos públicos a compra de bens dentro do sistema de Contratación Centralizada do Ministerio de Facenda). Segundo nos contan dende a UVigo, Vidal está a compatibilizar o traballo en SIVSA coa elaboración da súa tese de doutoramento na Universidade, baixo a dirección do catedrático Javier González Casteño e co obxectivo de dar forma a algoritmos que axuden a predicir o prezo de poxa dun servizo na nube, con vistas a minimizar custes na contratación dun servizo. E facelo, ademais, de xeito automático.

Fonte: codigocero.com

O programa Vodafone Connecting for Good Galicia deu comezo hoxe á súa segunda edición. O acto de inauguración tivo lugar no Gaiás coa benvida institucional aos seis proxectos emprendedores de innovación social que integran a segunda edición desta iniciativa, impulsada pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia.

Fonte: amtega.xunta.gal

O vindeiro 20 de novembro vanse celebrar no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo uns encontros destinados a mostrar o potencial médico das tecnoloxías de fabricación aditiva para dar forma a obxectos tridimensionais (obxectos tridimensionais que nos axuden a interpretar a realidade da que abrollan estes obxectos). As Xornadas de Impresión 3D: Medicamento Personalizado celebraranse ao longo do día, sendo o evento da mañá de acceso restrinxido a xerentes, xefes de área, profesionais sanitarios, enxeñeiros e empresas do sector e todos aqueles actores que se atopan na cadea de valor da impresión 3D en saúde. Esta xeira de mañá, de carácter eminentemente profesional, celébrase en colaboración con 3DHeals, plataforma global con base en San Francisco que traballa na achega de materiais tridimensionais no ámbito da medicina.

Fonte: codigocero.com

Distribuir contido