Novas sectoriais

Ata o próximo 30 de xuño, búscanse as ideas e os modelos empresariais máis vangardistas no ámbito aeroespacial. O ESNC (Competición Europea de Navegación por Satélite) premia as ideas de produtos, servizos ou negocios que utilicen a navegación por satélite para aplicacións do día a día. Pola súa banda, Copernicus Masters ten como obxectivo premiar solucións innovadoras baseadas nos datos obtidos dos sistemas de observación da Terra.

Fonte: madrimasd.org

Gradiant e Netex desenvolven desde agosto pasado un proxecto de I+D+i para preparar aos futuros traballadores fronte aos retos da industria 4.0 a través da Unidade Mixta de Investigación (UMI), formada por profesionais de ambas as entidades, que está a traballar en ferramentas que fomentan a formación continua das persoas a través de aprendizaxe formal e informal, desde a educación básica até o final da súa carreira profesional, incluída a formación nas empresas.

Fonte: codigocero.com

A Deputación de Lugo presentou hoxe cinco novos obradoiros ao abeiro do seu programa Lugowork, unha iniciativa que, como se indica no seu nome, vai dirixida a fomentar o emprego xuvenil dentro do ámbito provincial. Os obradoiros foron dados a coñecer polo deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, quen sinalou que van dirixidos a lucenses menores de trinta anos, no paro, co fin de capacitalos en materia dixital, de emprendemento, de novas tecnoloxías de voo (drons) e primeiros auxilios (dous cursos). Lugowork, engadiu Santos, é o primeiro plan de emprego xuvenil e participativo da provincia. Foi posto en marcha pola entidade provincial tras captar preto de 2 millóns de euros da UE a través da Escola de Organización Industrial (EOI).

Fonte: codigocero.com

A empresa galega Scio IT, da que temos falado recentemente para salientar as posibilidades da súa tecnoloxía SAMLA para o mantemento de infraestruturas inaccesíbeis, vén de aplicar novamente a súa capacidade de innovación para dar forma a unha plataforma que permitiría e facilitaría comunicacións dende o mar e, máis en concreto, dende contornas marítimas onde a cobertura é nula. Esta tecnoloxía de emisións de sinais será probada estes días (en fase de probas) por Navantia, con vistas a unha posíbel instalación na ría de Ferrol. Segundo informa a empresa con sede na Coruña, a plataforma chámase Buonet e xa recibiu a licenza internacional de man do Sistema Internacional de Patentes. Trátase, nas súas palabras, “da primeira plataforma off-shore de baixo custe para vixilancia, comunicacións e sistemas TIC”.

Fonte: codigocero.com

A detección temperá dun derrame de hidrocarburos pode resultar de crucial importancia para dar unha resposta rápida que, na medida do posible, permita evitar a mestura progresiva do cru coa auga, que fai máis difícil e ineficiente a súa limpeza posterior. Ademais, coñecer o tipo de hidrocarburo da vertedura permite dar unha resposta máis específica á hora de contrarrestar a contaminación provocada. Tendo en conta estas dúas premisas, investigadores do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo desenvolveron un sensor de baixo custe que permite a detección de hidrocarburos vertidos en auga así como a identificación de que tipo de cru se trata. O dispositivo está deseñado para flotar na auga, desde onde podería controlar unha área susceptible de contaminación ou seguir a evolución dun derrame nunha zona concreta.

Fonte: duvi.uvigo.es

Navantia probará na ría de Ferrol a primeira plataforma off-shore de baixo custo para vixilancia, comunicacións e sistemas TIC. O dispositivo, bautizado como Buonet, foi desenvolvido pola firma galega Scio IT, que xa conseguiu a licenza internacional para o proxecto. Segundo sinala a firma tecnolóxica, «trátase dun dispositivo que, instalado e balizado no mar, pode ser utilizado para dotarlle dun sistema de vixilancia mediante cámaras, dun emisor ou repetidor de comunicacións, así como de calquera medio para medicións ambientais».

Fonte: lavozdegalicia.es

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) elaborarán unha guía técnica de infraestruturas de soporte de Fogar Dixital, que incluirá un proxecto tipo para a instalación destas infraestruturas nas vivendas de nova construción. É unha das actuacións recollidas no convenio de colaboración que veñen de asinar a directora da Amtega e o presidente da AETG, Ramón Bermúdez de Castro.

Fonte: amtega.xunta.gal

O Comité Científico Asesor en Radiofrecuencias e Saúde (CCARS) presentou este martes un informe que recolle todas as evidencias na materia dos campos electromagnéticos e a súa incidencia na saúde dos humanos. O seu director científico, o epidemiólogo Francisco Vargas, aproveitou para facer unha chamada á "tranquilidade" a raíz do alarmismo que xera o tema na sociedade.

Fonte: elmundo.es

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director xerente de Afundación Pedro Otero, inauguraron hoxe na Cidade da Cultura a Xornada de presentación do Programa AceleraTIC+, para formar a persoal directivo de empresas en aspectos clave relacionados coa transformación dixital dos seus negocios.

Fonte: amtega.xunta.gal

O Congreso Internacional de Drons organizado en Ourense da man de AGGETT (Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións) foi finalmente un fervedoiro de tecnoloxías, achados, demostracións, relatorios e múltiples propostas de aplicación práctica dos vehículos aéreos non tripulados (UAV polas súas siglas en inglés) e as tecnoloxías que lles son parellas. A primeira xornada, a do venres 31, foi adicada á lexislación, á seguridade ás aplicacións profesionais dos drons. Abrangueu tres mesas redondas e unha sesión de inauguración (de cuxos detalles dimos conta ese mesmo día, o venres, dende Código Cero). Logo dos actos de apertura, a primeira mesa da mañá abordou os aspectos e as necesidades lexislativas para que os drons sobrevoen as cidades. Entre as cousas que xeraron máis expectación e interese ao longo dos tres días de actividades atopáronse as seguintes: as cuestións legais á hora de facer voar vehículos en espazos urbanos ou as aplicacións destas tecnoloxías para optimizar o noso agro e a nosa pesca.

Fonte: codigocero.com

Distribuir contido