A AETG e PuntoGal manteñen as súas accións de colaboración coa renovación do convenio anterior, para facer chegar ao colectivo de enxeñeiros de telecomunicación asociados un desconto á hora de obter un dominio .gal.
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia forma parte dos dominios pioneiros e apoiou desde o primeiro momento a posta en marcha do rexistro galego. Ambas entidades seguen mantendo o propósito de realizar actividades e proxectos de forma conxunta en asuntos que resulten de interese para ambas as entidades e os colectivos que representan como, por exemplo, a organización de actividades formativas, eventos de interese común, proxectos e publicacións, etc, ao abeiro do convenio marco que manteñen vixente. Entre estas actividades destacamos a participación de PuntoGal como entidade colaboradora na Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información ou a publicación de artigos na revista A Nosa Rede.