Abril 2008

Boletín da AETG-COETG  

OUTRAS NOTICIAS

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia impulsa o Dicionario Enciclopédico Galego das TIC

  • Constitúese o Comité Directivo do Dicionario Enciclopédico Galego das Tecnoloxías da Información e da Comunicación que presidirá o enxeñeiro de telecomunicación e escritor Xavier Alcalá.

  • O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia promove este proxecto, coa colaboración da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, da Universidade de Vigo e da Real Academia Galega.

O pasado martes 29 de xaneiro tivo lugar en Santiago a primeira reunión do recén constituído Comité Directivo do Dicionario Enciclopédico Galego das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), un proxecto que parte da iniciativa do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e nace coa vocación de converterse no compendio documental de referencia que inclúa os termos e difinicións conceptuais que expresan o amplo universo das TIC e da Sociedade da Información en Galicia.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia impulsa o Dicionario Enciclopédico Galego das TIC
Comité Directivo do Dicionario Enciclopédico Galego

Promovido polo COETG e cofinanciado pola Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, o Dicionario tamén conta coa participación da Universidade de Vigo, a través da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación, e da Real Academia Galega, que foron convidados polo COETG para colaborar no proxecto. A iniciativa responde ao interese do colexio profesional, para que as comunidades profesionais, tecnolóxicas e empresariais, así como alumnos e profesores de ensino medio en bacharelato e superior nas universidades, dispoñan de ferramentas lingüísticas que lles permitan expresar e entender, na lingua propia, todos os termos e conceptos que definen as TIC e a Sociedade da Información do noso país.

O Dicionario Enciclopédico Galego das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, no que traballan máis de 31 expertos, contará coa supervisión técnica e científica da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación de Vigo e coa supervisión lingüística da Real Academia Galega. A súa produción desenvolverase en tres anos e aloxarase na nosa web corporativa (http://www.aetg.org) e nos dominios de Internet da ETSET de Vigo (http://www.teleco.uvigo.es) e da Real Academia Galega (http://www.realacademiagalega.org), actualizándose de xeito permanente e creándose na súa contorna grupos de traballo para o desenvolvemento conxunto da lingua e das tecnoloxías.


Así mesmo, celebraranse catro seminarios lingua-tecnoloxía en distintas cidades galegas co propósito de difundir este proxecto a través dos medios de comunicación e incorporar, ao mesmo tempo, a personalidades locais dos ámbitos de interese.

O Comité contará con, ademais do seu Presidente, o polifacético enxeñeiro de telecomunicación, escritor, compositor e articulista, Xavier Alcalá Navarro, con catro vicepresidentes nas persoas de Manuel González, secretario da Real Academia Galega (RAG), como vicepresidente primeiro; José María Pousada Carballo, director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Vigo (ETSET), como vicepresidente segundo; Rafael Juanatey, subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria, como vicepresidente terceiro e de Ramón María Lois Santos, secretario xeral do COETG e coordinador xeral do proxecto, que ocupará o cargo de vicepresidente cuarto. O xerente do COETG, Ricardo Fernández, ocupará o cargo de secretario do Comité Directivo do proxecto.

Nace o Clúster Galego das TIC coa participación activa do Colexio Oficial Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia


O pasado 31 de xaneiro tivo lugar en Santiago a Asamblea Constituínte do Clúster TIC de Galicia, que nace con 117 empresas e entidades asociadas. O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia participa dobremente en calidade de socio fundador e como asociación (AETG) en calidade de socio de número. Asistíu en representación do COETG, o xerente, Ricardo Fernández, quen participou nas xuntanzas preparatorias do grupo promotor.

O acto de constitución do Clúster TIC, presidido polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e que contou coa participación da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, parte do traballo conxunto da Consellería cunha Comisión Promotora composta, ademais de polo COETG, por INEO, EGANET, AETIC Galicia e CPEI. O recén creado Clúster, segundo afirmou o propio conselleiro, nace como un organismo asociativo no que a administración, as empresas do sector, os profesionais e outros axentes relacionados coas TIC traballarán xuntos cun dobre obxectivo: desenvolver estratexias para facilitar o asentamento das empresas TIC en Galicia e achegar a sociedade ás tecnoloxías da información e da comunicación, á innovación baseada na xestión do coñecemento e á imprantación dos novos servizos derivados das TIC.

O responsable do departamento de Innovación da Xunta manifestou tamén que o Clúster TIC supón un paso adiante na política de fomento e impulso das TIC iniciada coa posta en marcha do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) 2007-2010.


7