Abril 2008

Boletín da AETG-COETG  

OUTRAS NOTICIAS

A Axencia Estatal de Radiocomunicacións para Galicia

Artigo de opinión publicado en La Voz de Galicia o pasado 27 de abril e asinado polo Decano do COETG

Actualmente a administración do dominio público radioeléctrico é competencia do Estado que a exerce en conformidade co establecido na Lei Xeral de Telecomunicacións, e os seus regulamentos e disposicións de desenvolvemento.

O artigo 47 da Lei 32/2003 de 3 de Novembro, Xeral de Telecomunicacións, creou a Axencia Estatal de Radiocomunicacións co obxectivo de mellorar a xestión do dominio público radioeléctrico tanto nos seus aspectos de eficiencia e harmonización de usos, como de acceso ao recurso dos diferentes colectivos de usuarios.

Á espera da aprobación do Estatuto que regule o funcionamento desta Axencia, tamén chamada Axencia Estatal de Xestión do Espectro Radioeléctrico, as súas competencias venas exercendo a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

É este un bo momento pois, para que todos xuntos fagamos un esforzo para conseguir que a futura Axencia Estatal de Radiocomunicacións teña a súa sé en Galicia.

É esta unha vella demanda do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, plasmada nas propostas que o devandito organismo presentou no seu día, ao Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información 2007-2010.

Desde o colectivo de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia consideramos que é moi importante que a Xunta de Galicia sexa consciente de que hai que apostar sen reservas para que Galicia sexa a sé da Axencia Estatal de Radiocomunicacións. Neste sentido, congratulámonos da Proposición non de Lei realizada pola Comisión de Industria do Parlamento de Galicia e aprobada o pasado 27 de marzo por unanimidade, na que o Parlamento de Galicia insta ao Goberno da Xunta a postularse como sé da Axencia Estatal de Xestión do Espectro Radioeléctrico.

O noso país conta cos elementos necesarios para levar a cabo este proxecto. Por unha banda contamos cun colectivo de 1.000 profesionais das Telecomunicacións representados polo COETG, contamos ademais cunha Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación con gran experiencia na formación de titulados galegos e cun un amplo curriculum en tarefas de investigación, dispoñemos así mesmo dunha industria de telecomunicacións, cuxos equipos de alta tecnoloxía se exportan a todo o mundo, e que sen dúbida poden ser a base cara ao futuro, dun importante desenvolvemento das telecomunicacións en Galicia.


O reto é difícil, sabemos que non é fácil desgaxar organismos da administración central pero outros o conseguiron e pensamos que é un proxecto viable no que Galicia reúne todas as condicións para albergar a Axencia Estatal de Radiocomunicacións.

Estou convencido de que este debe ser un proxecto de País, no que hai que deixar ao carón as cuestións partidistas e poñérmonos a traballar todos xuntos para conseguir colocar a Galicia no mapa internacional das telecomunicacións, como sé da Axencia Estatal de Radiocomunicacións. Desde o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e eu como Decano, así o faremos.

Asdo.
Ramón Bermúdez de Castro Olavide
Decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia

Asemblea Xeral Ordinaria do COETG e Xunta Xeral Ordinaria da AETG


O pasado 27 de marzo o COETG celebrou a súa asemblea xeral ordinaria e a AETG a súa xunta xeral ordinaria, que convocan anualmente as dúas entidades. O acto tivo lugar no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela.

Asemblea Xeral Ordinaria do COETG e Xunta Xeral Ordinaria da AETG
De esquerda a dereita: Miguel Merino Gil, vicedecano-vicepresidente do COETG-AETG; Ramón Bermúdez de Castro Olavide, decano-presidente do COETG-AETG; Ramón Mª Lois Santos, secretario xeral do COETG-AETG; e Fernando Cendán Garrote, tesoureiro do COETG-AETG



8